CRTVG

Buscar

Os restaurantes chineses en Galicia mantéñense inmunes á discriminación polo coronavirus

Publicado o 05/02/2020 14:45

A comunidade chinesa en Galicia lamenta a difusión de noticias falsas en redes sociais que están a crear unha alerta desmesurada en relación ao coronavirus. 

As vendas reséntense en moitos bazares e varios restaurantes de Madrid víronse obrigados a pechar quince días pola falta de clientes, "ata que pase a psicose", dixeron os seus donos.

Pero a carón dos fogóns do restaurante chinés máis veterano de Santiago o que se respira é calma e normalidade. Hoxe reciben os pedidos habituais, quizais máis dun cento de comidas entre o restaurante e a entrega a domicilio. Os provedores van entrando para deixar os produtos cos que traballan, case todos procedentes do agro galego.

"Non nos afecta nada de momento. Nós mercamos todo aquí, e hai máis de dous aos que non imos á China", explica o seu propieatario.  

Ping Choi Lee é natural de Hong Kong pero leva 40 anos en Galicia, onde casou e tivo dous fillos. Dinse galegos de pura cepa e non entenden as novas sobre brotes de discriminación polo medo infundado ao contaxio.

"É triste e paréceme moi inxusto que pola aparencia, porque racionalmente non ten sentido que unha persoa que leve aquí vinte, dez anos, ou os que sexan... que probabilidade ten de ter esta enfermidade?", pregúntase en perfecto galego Calo Lee Candame. Lamenta que algúns restaurantes chineses de Madrid tivesen que pechar temporalmente por falta de clientes.

Fran é un cliente o restautante, que hoxe colleu comida chinesa para levar. "É unha parvada todo. Porque sexas chinés non estás infectado, hai persoas que están afectadas e non son chinesas". Lamenta tamén que algúns chineses estean a ser obxecto de discrimación por temores infundados ao contaxio.

Noticias web

05/02/2020