CRTVG

Buscar

Os responsables dos locais de ocio nocturno din que eles non son o problema dos rebrotes

Publicado o 27/07/2020 21:24

Os propietarios de establecementos de ocio nocturno afirman que non se pode culpar este tipo de locais dos rebrotes da covid-19, pois son seguros ao teren que cumprir cun estrito protocolo. Afirman que a maior parte dos clientes cumpren coas normas e, se non é así, expúlsanse do local.

"Neste caso a permisividade ten que ser cero. Non podemos tomar a broma esta situación. Temos que ser contundentes e serios; todo aquel que non quere cumprir as normas non vale para poder estar dentro dun espazo", di o presidente da Asociación Galega de Ocio Nocturno.

Cren que é máis preocupante o traballo en locais con licenza de cafetería, onde o rexistro sanitario non é obrigatorio. "Parece ser que traballou nun local con licenza para cafetería. Neses locais, aí está o maior problema, nos locais que non son de ocio nocturno non hai obrigatoriedade dun rexistro sanitario. Aí hai que analizar o tempo que estivo, que número de clientes pasaron por eses locais", sinala o presidente da Asociación Galega de Ocio Nocturno.

Porén, os propietarios de cafeterías, con permiso para abrir ata a madrugada as fins de semana, aseguran que cumpren estritamente coa normativa. "O tema da ocupación estamos a respectalo, tamén a distancia entre as mesas; aínda así, a maioría da xente queda na terraza para non ter que estar dentro do local", di Manuel López.

Por outra parte, un empregado da cafetería coruñesa onde supostamente tamén traballa eventualmente o porteiro do local de copas de Santa Cruz confirmounos fóra de cámara que hai meses que xa non traballa alí.

Noticias web

27/07/2020