CRTVG

Buscar

Os responsables da planta de compostaxe de Arteixo que leva ardendo máis de dous meses di que resolverá o problema esta semana

Publicado o 13/01/2020 14:30

A planta de reciclaxe de residuos orgánicos que Inversiones Castro Veira ten no polígono de Sabón, en Arteixo, comezou a arder o 29 de outubro. Dende aquela, o fume non deixa de saír e os veciños quéixanse das molestias que isto ocasiona.

A orixe do incendio parece obedecer a causas intrínsecas da propia actividade de compostaxe. Dende a planta explican que, debido a unha avaría na maquinaria, tardaron máis do establecido en triturar os restos, polo que se produciu a combustión espontánea.

Os bombeiros e o Seprona recomendaron dende o primeiro momento non tocar o material en combustión e esperar a que se consumira pouco a pouco. Non obstante, os temporais dos últimos meses, lonxe de axudar na extinción, paralizaron o proceso.

Dende o parque de bombeiros de Arteixo aconsellan os donos da pranta, pero indican que a responsabilidade de eliminar os residuos radica na propia empresa.

Para rematar coa extinción, os donos de Inversiones Castro Veira xa están a colaborar cunha empresa con experiencia en eliminación de refugallos. Ante o descontento e as queixas veciñais, tranquilizan dicindo que nos vindeiros días solucionarase definitivamente esta cuestión e os restos quedarán eliminados.

Noticias web

13/01/2020