CRTVG

Buscar

Os rescatados do Open Arms agardan permiso para desembarcar en Lampedusa

Publicado o 15/08/2019 20:40

 

 

 O buque da ONG española segue ancorado fronte ás costas da illa de Lampedusa, á espera da autorización para desembarcar. A negativa do ministro do interior italiano, Matteo Salvini, agudizou o enfrontamento interno no goberno dese país.

O Open Arms segue fondeado a menos dunha milla de Lampedusa. A xustiza italiana permitiulle entrar en augas nacionais, pero non ten permiso para desembarcar. O ministro do Interior, Mateo Salvini, asinou un novo decreto prohíbindoo. En plena descomposición do executivo italiano, os seus colegas de Defensa e Transporte, do Movemento 5 Estrelas, negáronse a asinalo. A pertinacia de Salvini mereceu o reproche do propio primeiro ministro Conte, que a través das redes sociais chamouno desleal.

Mateo Salvini, ministro do Interior de Italia, di que "cando o presidente do Consello me reprocha a obsesión coa inmigración e o peche de portos, si, confésome culpable de obsesión pola seguridade dos cidadáns italianos e da obsesión da loita contra os traficantes de seres humanos e as ONG que son cómplices dos traficantes de seres humanos"

Á marxe da disputa interna, Italia negocia coa Comisión Europea a repartición dos 147 inmigrantes rescatados hai xa dúas semanas. O primeiro ministro di que xa hai 6 paises dispostos a acollelos: Francia, Alemaña, Rumanía,Portugal, Luxemburgo e España.

Ricardo Gatti, xefe de misión de Open Arms en Italia, di que "celebrarémolo cando o vexamos que se cumpre porque vimos unha inacción durante 14 días, vimos ataques por parte de membros do Goberno español, e non só español, e entón, sinceramente, non nos fiamos moito"

O Open Arms cursou unha solicitude de evacuación urxente por motivos psicolóxicos. Temen que a visión da terra multiplique a tensión o os incidentes a bordo.

Noticias web

15/08/2019