Os Reis recorren a perfumes e tarxetas regalo para resolver peticións de última hora
Os máis pequenos adoitan ser previsores e precisos á hora de facer as súas encargas aos Reis. Iso axuda a que as súas maxestades non teñan moito problema para cumprir os seus desexos aínda que a sua lista de peticións sexa longa.
"Poderíano fabricar", di o pequeno Mauro.
Pero cando as peticións se fan moi á última hora, cousa que adoita ser habitual entre os adultos, as súas maxestades si que poden ter algún problema loxístico para dar co que se lles pide e teñen que recorrer á axuda de colaboradores voluntariosos.
"Non o poden facer todo sós"; "Os Reis mandaronme aquí por un recadiño, para que llelo leve para que llo poñan eles a miña nai", din algúns deses colaboradores que andan polas tendas aínda a estas horas.
Para solucionar esas dificultades de última hora, os Reis adoitan resolver con regalos comodín. "Os perfumes e as tarxetas regalo, porque é unha solución moi rápida, que poden escoller unha cousa ou outra", di Dulce Calvo, unha comerciante de Santiago.
Aínda que sexa con apuros de última hora, parece que todo o mundo agarda que os Reis sexan especialmente xenerosos este ano.
"Unha pequena recompensa por estas cousas que pasamos este ano, si".