CRTVG

Buscar

Os reis presiden un funeral en Madrid polas vítimas da covid-19

Publicado o 07/07/2020 08:43

O funeral polas vítimas do coronavirus organizado pola Conferencia Episcopal reuniu na catedral da Almudena de Madrid os reis, as súas fillas, representantes de todas as institucións, líderes políticos e familiares de quen perdeu a vida por mor da pandemia.

Unha representación ao máis alto nivel na maioría dos casos a pesar de que o funeral non tiña carácter de Estado, xa que o acto civil que terá esta condición en recordo das case 30.000 vítimas e en homenaxe de quen loitou en primeira liña contra a COVID-19 se realizará o próximo 16 de xullo no Patio da Armería do Palacio Real.

A Conferencia Episcopal impulsou a misa na Almudena coincidindo coa reunión que a partir deste luns mantén a súa Comisión Permanente, e a cerimonia foi presidida polo cardeal Carlos Osoro, arcebispo de Madrid, e concelebrada por un total de 35 bispos.

Filipe VI, dona Letizia, a princesa Leonor e a infanta Sofía (todos eles vestidos de loito) foron recibidos polas autoridades civís asistentes e, xa na porta do templo, por Osoro e o cardeal Juan José Omella, presidente da Conferencia Episcopal. Esta foi a primeira ocasión en que a herdeira da Coroa e a súa irmá asisten a un funeral de carácter institucional.

Os membros da Familia Real accederon á catedral pola súa nave central mentres soaba o himno de España e situáronse en catro na primeira liña ao lado do evanxeo. No lado da epístola, tamén en primeira liña, seguiron a cerimonia os representantes dos poderes do Estado e, tras eles, o resto de autoridades civís.

A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, asistiu en representación de Pedro Sánchez. O xefe do Executivo realizou este luns unha viaxe oficial a Lisboa, e na conferencia de prensa que ofreceu, ao ser preguntado por que non acudía ao funeral, limitouse a subliñar que o Goberno estaría representado por Calvo.

Si que asistiron a presidenta do Congreso Meritxell Batet, a do Senado Pilar Llop, o presidente do Tribunal Constitucional Juan José González Rivas e o do Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial Carlos Lesmes. A eles sumáronse, entre outras autoridades, a presidenta da Comunidad de Madrid Isabel Díaz Ayuso, o alcalde da capital José Luis Martínez-Almeida e o xefe do Estado Maior da Defensa Miguel Ángel Villarroya.

En representación dos partidos, entre outros dirixentes, deputados e senadores, estiveron o líder do PP Pablo Casado e os portavoces de Ciudadanos e Vox no Congreso Edmundo Bal e Iván Espinosa de los Monteros respectivamente.

Nunha das naves do templo situáronse uns 70 familiares de falecidos (aos que saudaron de lonxe os reis ao acceder ao templo) e noutra os representantes de diversas igrexas e confesións relixiosas. Xunto a eles estivo tamén unha representación dos axentes sociais e eclesiais que desenvolveron un labor especial neste tempo, como persoal sanitario, voluntarios de Cáritas, membros das Forzas Armadas e dos corpos de Seguridade do Estado, e bombeiros.

Os membros da Familia Real e o resto de asistentes ao funeral portaron máscaras de protección, e a ocupación da catedral, dunhas 900 persoas, reduciuse a menos de 400 como medida de precaución. Na súa homilía, o cardeal Osoro destacou os exemplos de solidariedade de moitas persoas, crentes e non crentes, que se puxeron de manifesto na sociedade estes meses de loita contra a pandemia fronte "ao sectarismo, a crispación e o enfrontamento".

Ao comezo do funeral, o cardeal Juan José Omella destacou tamén a "gran reserva de humanidade, caridade e acción solidaria" demostrada pola sociedade e confiou en que a experiencia propicie unha transformación interior que facilite un mundo máis humano, máis xusto e máis fraterno.

Ao final da celebración, o bispo de Ávila, José María Gil, ingresado durante máis dun mes por causa do coronavirus, leu ante a imaxe da nosa Señora da Almudena a oración composta polo papa Francisco para este tempo de pandemia. Os reis e as súas fillas abandonaron despois o templo acompañados polas autoridades eclesiásticas e civís e, á saída, escoitáronse algunhas voces críticas coa xestión do Goberno durante a pandemia. 

BB/ agc

Noticias web

07/07/2020