CRTVG

Buscar

Os Reis Magos reparten ilusión polas rúas galegas

Publicado o 05/01/2019 21:43

A maxia dos Reis Magos fixo posible que pasearan esta tarde por toda Galicia. OS nenos de vilas e cidades tomaron as rúas para non perder a cabalgata máis agardada de todo o ano. O sol permitiu que a chuvia fora só de caramelos. E o frío non impediu que Melchor, Gaspar e Baltasar subiran as espectaculares carrozas rodeados dos seus axudantes. Á cita non faltaron, a música, o humor e as acrobacias.

A Coruña
Na cidade herculina, o desfile comezou na avenida da Habana ás 17.30 horas, xunto ao estadio de Riazor e rematou na praza de María Pita. Bandas de música, malabaristas e grupos de danza acompañaron as súas maxestades polas principais rúas da Coruña.

Santiago de Compostela
A Santiago os Reis chegaron en tren contra as cinco e media. Milleiros de persoas agardaban a súa chegada na estación compostelá. A cabalgata percorreu as rúas principais do centro da cidade e rematou na praza do Obradoiro, onde houbo espectáculo de acrobacias e malabares. Despois trasladáronse ao concello, onde atenderon a todos os nenos e nenas que quixeron falar con eles.

Ferrol
En Ferrol os reis tamén foron puntuais. Chegaron en barco ao peirao de Curuxeiras e despois fixeron un percorrido polas rúas Venezuela, Colombia, a estrada de Castela a praza de Armas. O Quixote, Romeo e Xulieta e outros personaxes da literatura foron os coprotagonistas dunha cabalgata na que tamén se repartiron caramelos sen glute. Unha das carrozas estaba toda feita con material reciclado. Neste momento as súas maxestades están recibindo os nenos no pazo municipal.

Vigo
En Vigo, a cabalgata partíu ás 18.00 horas da rotonda de Isaac Peral. As carrozas, inspiradas en contos infantís, percorreron García Barbón e Policarpo Sanz ata chegar á Porta do Sol. Alí, o alcalde entregoulles a chave da cidade.

Pontevedra
O desfile rematou na Alameda.

Ourense
En Ourense os Reis foron moi puntuais e chegaron á cidade en tren. Eran as cinco e media cando iniciaron un percorrido que os levou polas rúas princiapis da cidade: pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, a rúa Progreso e a praza Maior. No desfile, o fío condutor foi "Un soño de Nadal", unha representación artística na que interviñeron 29 organizacións.

Lugo
En Lugo, como xa é habitual, os Reis chegaron ao parque de Frigsa ás seis da tarde. Despois continuaron co percorrido pola avenida da Coruña, San Marcos, rúa da Raíña e a praza Maior. Alí, no Concello, foi onde as súas maxestades recibiron os milleiros de nenos que lles entregaron as cartas. Na comitiva ían tamén malabaristas, contorsionistas e equilibristas que marabillaron os cativiños.






 

Noticias web

05/01/2019

Máis sobre actualidade