CRTVG

Buscar

Os Reis inicia a súa primeira visita de Estado á Arxentina

Publicado o 25/03/2019 22:39

Os reis de España iniciaron hoxe a súa primeira visita de Estado á Arxentina. Por diante teñen unha axenda económica e cultural moi intensa coa que se pretende afianzar unha relación que os dous países cualifican de estratéxica.

Cun "Benvidos á vosa casa!" recibiu o presidente Mauricio Macri os reis de España durante a xuntanza que mantiveron na Casa Rosada.

Esta é primeira visita de Estado de Filipe VI e dona Letizia á Arxentina, o país do exterior onde máis galegos e españóis residen, e dende o Goberno austral toman este xesto como unha mostra de afecto e apoio a súa xestión.

Por diante teñen unha intensa axenda económica e cultural para impulsar, dixo pola súa banda o rei, esta relación que consideran estratéxica, e que serve ademais de ponte entre a Europa e América do Sur.

Os Reis inauguraron a axenda oficial cunha ofrenda floral fronte ao monumento do xeneral San Martín, considerado como o pai da Patria. Seguidamente, mantiveron un encontro co presidente do Goberno Mauricio Macri, quen sinalou que España segue a ser un referente pra eles.

Filipe VI remarcou o emotivo dunha visita a un país que acolle a tantos españóis e dixo que apoia o programa de reformas de Macri.

O xefe do Estado ten por diante encontros con autoridades do Poder Lexislativo e Xudicial arxentino, e unha cea de gala da na súa honra.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/03/2019