CRTVG

Buscar

Os Reis de España presidiron a cerimonia marcada polo mal tempo

Publicado o 12/10/2018 15:16

Os actos do 12 de outubro comezaban coa chegada dos Reis, acompañados pola Princesa Leonor e a Infanta Sofía. O Rei pasaba revista ás tropas antes do tradicional saúdo ás autoridades. Por primeira vez a princesa Leonor sentou á dereita do rei Filipe na tribuna, un xesto que se interpreta como a súa incorporación á vida institucional da Casa Real.

Co descenso da brigada de paracaidistas portando a bandeira española arrancaba a cerimonia. Este 12 de outubro rendéuselle homenaxe con motivo do 175 aniversario da bandeira nacional. Por iso se puideron ver tamén as réplicas de todas as enseñas históricas.

O momento máis solemne producíase cando comezou a soar o himno para o izado da bandeira. Emoción tamén ao lembrar a todos os membros do exército e das forzas armadas caídos en servizo.

Finalmente a chuvia facía acto de presenza con intensidade obrigando a modificar o programa. A auga deslucía o paso da patrulla Águila, a única que puido voar, iso sí, tiveron que suspenderse as súas tradicionais acrobacias. Non se puido estrear tampouco por mor da chuvia o servizo aéreo de Salvamento MArítimo, que debutaba por primeira vez este ano.

En total case 4.000 militares dos distintos corpos do Exército,da Armada e da Garda Civil, acompañados duns 150 vehículos de distintas unidades. Como novidade, este ano participaron tamén servizos de urxencia civís como os Bombeiros e Protección Civil.O paso da lexión o que máis expectación e aplausos recibiu por parte da xente que acudiu a presenciar o desfile.

Este ano o Ministerio e Defensa quixo facer especialmente visible a presenza de mulleres coincindo co 30 aniversario da súa incorporación ás Forzas Armadas.

Previamente, na sede do Ministerio de Defensa tiña lugar o primeiro acto oficial do día das Forzas Armadas. A Ministra Margarita Robles dirixiuse, por videoconferencia, aos 3.000 militares españois despregados en misións internacionais. Agradeceulle o seu traballo a prol da paz e a seguridade no mundo.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/10/2018