Os radares pedagóxicos buscan educar e non sancionar
Chámanlles radares pedagóxicos ou educativos, precisamente porque o que buscan é educar e non sancionar. Cando un coche circula a unha velocidade excesiva, emiten unha alerta en cor vermella. Se o vehículo circula correctamente, sinxelamente dá as grazas. En Santiago de Compostela hai sete radares deste tipo.
Un dos primeiros que se puxo en Santiago é nunha rúa que conduce a un centro de ensino, a excesiva velocidade dos vehículos supuña un risco moi elevado na zona.
Quen conduce por este lugar asegura que vai con calma, sabendo que está o colexio. Unha conductora recoñece que como usuaria o radar si convida a frear, pero advirte: "Hai a quen lle dá igual a velocidade que estea marcando e pasa igual".
Segundo o Concello, o radar educativo si funciona e quen está ao volante levanta o pé do acelerador.
Unha condutora recoñece que si é disuasorio e explica que "cando vas conducindo, é un treito no que normalmente imos a máis de 30, e está ben porque, polo menos, ao velo daste de conta e botas o freo".
Na opinión da veciñanza, esa semella ser a realidade porque o radar suxire unha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora, que moita xente supera.
Un veciño da zona asegura que o 80 % das condutoras e condutores non o respecta, e engade que "o paso de peóns que está a 50 metros despois do radar é un dos pasos de peóns con máis índice de atropelos aquí no barrio, varias veciñas foron atropeladas mesmo de carácter grave e un pouco máis arriba houbo un falecemento hai uns anos".
Estes radares permiten tamén memorizar e analizar as velocidades medias dos coches que os transvasan. O Concello asegura que máis do 95 % dos vehículos reduce a velocidade para axustarse á permitida.