CRTVG

Buscar

Os que fagan festas en Santiago enfróntanse a multas de ata 750 euros

Publicado o 15/10/2020 14:33

A  media mañá chegaban ao colexio maior Rodríguez Cadarso, en pleno campus sur de Compostela, os dous equipos de enfermería destinados a realizar as probas PCR a todos os residentes. Algúns deles xa esperaban a súa quenda, con algo de nerviosismo. Explícannos que recibiron onte un aviso por SMS do Sergas convocándoos á realización da proba. Os primeiros en facela confirman que é rápida e indolora.

O cribado xa se completou nas residencias do Burgo das Nacións e no Monte da Condesa, e nestes dous días esperan facer probas os máis de 1.100 unviersitarios que residen nestes centros públicos.

A xefa de Medicina Preventiva da Área Sanitaria de Santiago, Cristina Fernández, engade que tamén se realizarán as PCR nas dúas residencias universitarias privadas máis grandes de Compostela, o Colexio Maior San Agustín e o Xelmírez.

Santiago é unha das cidades onde máis se incrementou a incidencia do coronavirus, e intúese que o comezo do curso universitario pode ter moito que ver. As festas en pisos están no punto de mira das autoridades locais, que nas últimas tres semanas propuxeron máis de 150 sancións por este tipo de citas con máis xente da permitida e sen as medidas de seguridade obrigatorias.

Esta noite entrará en vigor un novo decreto municipal que endurece as multas por este motivo ata os 750 euros. Con todo, segundo datos da Universidade de Santiago, a día de hoxe hai só 25 positivos por coronavirus na comunidade universitaria.

A maior parte dos que hoxe esperaban a súa quenda para facer o test avogaba pola prudencia.

A área de Santiago ten 639 casos activos de coronavirus, 37 deles confirmados por PCR nas últimas 24 horas.

 

Noticias web

15/10/2020