CRTVG

Buscar

Os Puntos de Encontro Familiar atenderon máis de 9.000 intercambios no 2020

Publicado o 26/07/2021 15:23

Os Puntos de Encontro son espazos neutrais, especializados e de balde que supervisan e informan sobre os réximes de visita en situación de crise, como poden ser os divorcios ou separacións. Con todo, as súas funcións van moito máis alá de organizar as entregas e recollidas dos menores.

"O que se busca coa intervención nos Puntos de Encontro Familiar é toda a relación que teña unha problemática, intentar asesoralas a través das mediacións e de negociacións para recuperar esa relación", di Maite Forján Villar, coordinadora do Punto de Encontro Familiar de Santiago.

Trátase dun servizo de carácter temporal e sempre debe ser solicitado pola Dirección Xeral de Familia ou polos órganos xudiciais.

"O seu traballo é supervisar, facer intervencións en familias onde houbo rupturas conflitivas, en casos de menores que precisan de maior intervención. isto é dunha intervención máis complexa", explica o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Engade Maite Forján Villar, coordinadora do PEF de Santiago, que "o servizo foi evolucionando e incrementándose. Hoxe en día temos 110 casos e mediamos entre más de 200 menores. Tamén o equipo de traballo foi incrementándose".

É tal a demanda dos servizos dos Puntos de Encontro Familiar que, amais dos que xa están a funcionar nas sete principais cidades galegas, está previsto abrir un en Ribeira en breve, e non se descarta ampliar a rede a medio prazo noutros puntos do territorio.

Noticias web

26/07/2021