Os propietarios dun restaurante de Negreira crían as reses que consomen
Os irmáns Rial, propietarios do popular restaurante Casa Barqueiro de Negreira, criáronse nesta casa da parroquia de Gonte. Amantes do rural e da gandería, atoparon a maneira de conxugalo co seu oficio. Aliáronse con Xosé Caquelo, un gandeiro e tratante que herdou o oficio. El encárgase de seleccionar e comprar os exemplares que logo crian na leira familiar dos Rial.
E é que algúns como Mariano, este boi de raza rubia galega, fanse querer e déixanse mesmo acariñar.. Crían vacas e bois de distintas razas e aliméntanos de xeito natural, con fariña de millo, herba seca e pasto. Cébanos e sacrifican os que necesitan. Do pasto ao prato. Unha garantía total de trazabilidade.
E para que os clientes gocen tamén desta paisaxe e coñezan a procedencia da carne que van consumir, os irmáns Rial proxectan abrir un cenador nestes terreos.
A idea é inauguralo o 10 de agosto nun evento solidario a beneficio de Cáritas ao que está previsto asistan prestixiosos cociñeiros como Arzak, Berasategui ou Jordi Cruz.