Os propietarios de albergues critican que acollan peregrinos en pavillóns municipais
Os peregrinos volveron ao Camiño, pero á hora de durmir a pousada mudou. Os albergues poden traballar só ao 30 % da ocupación e critican a competencia desleal que se está a dar nalgúns concellos habilitando pavillóns tendo eles prazas libres.
"Xa pelexamos anos anteriores mesmo pola vía xudicial. Pensabamos que xa non se facía, pero vemos por exemplo o caso de Padrón", sinala Miguel Ángel Rodríguez, presidente da Asociación de Albergues Privados de Galicia.
Critican, por exemplo, que nesa caso en concreto de Padrón, onde se acolle preto dun cento de peregrinos, mesmo contaron cun cátering, quitándolles así traballo aos negocios locais.
"Confirmáronnos que eles tiñan sitio e que durante varios días se usou o pavillón", sinala Miguel Ángel Rodríguez, presidente da Asociación de Albergues Privados de Galicia.
No Camiño hai quen vai improvisando a estancia. "Levo unha aplicación e non sei o que me depara, vou sobre a marcha".
Aínda que a maioría lévao organizado. "Eu planifiquei todo antes para ter a seguridade de onde estar". "Nós traemos todo organizado".
E agora prefiren os cuartos individuais. "Nós imos en parella e reservamos cuartos privados por precaución".
Dende a Asociación de Albergues Privados de Galicia reclaman axudas para o sector, que está a vivir unha situación complicada e que lembran representa o 75 % das camas dispoñibles nas diferentes rutas xacobeas.