CRTVG

Buscar

Os promotores das carreiras solidarias reinvéntanse nun novo reto individual

Publicado o 14/05/2020 14:35
Os promotores das carreiras solidarias reinvéntanse nun novo reto individual

A maioría de probas deportivas e carreiras populares están canceladas polo momento. Pero moitas substitúense por convocatorias virtuais con fins solidarios. É o caso da carreira popular Guitiriz Termal. Debérase celebrar o 5 de abril, pero os seus promotores decidiron darlle unha volta e convertela nun reto virtual e benéfico que se celebrará o vindeiro 23 de maio.

"Ten como finalidade recadar fondos para combater as situacións de emerxencia xeradas pola COVID-19 no concello de Guitiriz. Trátase de cubrir unha distancia de 7 quilómetros, ben sexa andando, correndo, en cinta ou en elíptica. Pode ser en interior ou ao aire libre. Unha vez finalizado o reto, subiremos ás redes sociais unha foto co total recadado coas inscricións", di Toño Teijido, promotor do Reto Guitiriz Termal.

Esa mesma fin de semana, os que prefiran retos máis duros poden anotarse ao tríatlon olímpico solidario, que promove o atleta coruñés Javier Castroverde, en colaboración con outros deportistas de elite como Tomi López, Manuel Domínguez ou Somoano, a través da plataforma #newfreedomweekend. Os beneficios destinaranse á investigación da COVID-19 e outras enfermidades.

"Podemos facer varias contribucións, desde o CRIS CANCER COVID-19 que é investigación para a COVID-19 e o cancro infantil, logo está a Fundación Iker Casillas ou a World Central Kitchen, que é comida para necesitados. Unha vez que entramos na páxina temos esas 3 opcións, e onde nos conveña facemos unha pequena contribución", explica Javier Castroverde, promotor do Tríatlon olímpico solidario.

De non ter posibilidade de facer a proba de natación polas restricións, os atletas que queiran sumarse á iniciativa poden facer a distancia olímpica de dúatlon. O importante non é a competición, senón o fin solidario.

Noticias web

14/05/2020