CRTVG

Buscar

Os profesores de educación física alertan do risco de sedentarismo e obesidade

Publicado o 25/05/2020 11:07

Os profesores de educación física anticípanse e alertan dos riscos das propostas que agora mesmo hai enriba da mesa. Reclaman máis horas de actividade física porque, din, segundo indican os estudos, os rapaces non realizan moitas horas de exercicio á semana. 

"Propoñíase que habería que facer obras para converter os ximnasios en aulas para poder garantir a ratio de 2 metros", explica Norma Pillado, profesora de educación física.

"Nós queremos facer ver que o ximnasio xa é unha aula que se está a empregar (...) Queremos que quede claro que o ximnasio xa é unha aula. Non se pode converter unha aula nunha aula", engade.

"Son dúas horas de actividade deportiva á semana, pero é certo que a OMS recomenda que sexan 3 horas á semana (...). Tamén di que actividade física recomendada ao día é de 60 minutos e que máis do 50% dos españois non o estamos a cumprir. Para intentar seguir as recomendacións da OMS terían que ampliar as clases de Educación Física a 3 horas semanais", di a profesora.

Pillado confesa que os profesores que imparten esta materia teñen medo de que para a futura normalidade os ximnasios se convertan en aulas en que os alumnos estean sentados nun pupitre e que eles "non poidan impartir as clases".

"O movemento é vital", defende a mestra. Explica como foi o contacto cos alumnos e di que lles propuxeron "sesións en liña en que impartiamos as clases e o alumnado que quería podía unirse". "Recomendamos a actividade física e enlamos na web algunhas páxinas". Tamén lles enviaban "resumos dos adestramentos en fotos e vídeo" e os mestres corrixíanos. Di que é un xeito de manter a actividade no caso dos alumnos que se mantiveron máis activos.

"Cremos que se pode impartir a clase de educación física mantendo a seguridade", apunta Norma Pillado. E engade un dato: "A cantidade de nenos e nenas que son máis obesos hoxe que hai 40 anos multiplicouse por 10".

Noticias web

25/05/2020