CRTVG

Buscar

Os produtores da Arnoia prevén recoller 10.000 quilos de pemento

Publicado o 03/07/2020 14:14

Algúns produtores andaban xa hoxe recollendo pemento, pero para consumo doméstico. A colleita oficial, para abastecer o mercado, será a partir da próxima semana.

Desde o Consello Regulador prevén recoller uns 10.000 quilos de pemento, unha cantidade moi lonxana da que se recollía nos anos 80, que chegaron preto dos 300 mil quilos, a época de pleno apoxeo do pemento da Arnoia.

Aínda así, é indicativo de que se está recuperando a produción, en boa medida, grazas á incoporación de produtores foráneos

Claudia e a súa familia viñeron de Tenerife. Buscaban emprego e aquí facilitáronlles o acceso á terra, cedida por veciños que xa non a traballan, e instruíronos no cultivo dos produtos da zona.

Esta será a súa primeira colleita de pemento da Arnoia. Vén con máis atraso que o resto porque primeiro fixeron sementeiros, tamén para vender. Contan con poñelo no mercado nuns quince días e fano coa seguridade de que será un bo produto, digno da súa sona.

Os de Belén xa van máis adiantados, listos para consumir. Así e todo, tamén tivo máis dificultades ca outros anos por mor do mal tempo da primavera.

En total, o consello regulador conta con poñer no mercado 10.000 quilos este ano. Teñen o dobre de produtores que hai dous anos adheridos á indicación xeográfica protexida, e o obxectivo é seguir captando máis, coa colaboración do Concello, que negocia cos propietarios a cesión das terras para asegurar a pervivencia dun dos seus produtos máis representativos.

 

Noticias web

03/07/2020