CRTVG

Buscar

Bos días

Os primeiros olímpicos galegos, listos na semana en que empezan os Xogos

Publicado o 01/08/2016 09:57

Dos 305 deportistas olímpicos que compoñen a delegación española, 14 son galegos. E algúns deles emprenderon xa a viaxe ao Río, cheos de ilusión. O arqueiro Miguel Alvariño será dos primeiros en competir.

O primeiro deportista galego que entrará en competición, mesmo incluso antes da cerimonia de inauguración, será Miguel Alvariño. O pontés participará nas probas individual e por equipos de tiro con arco.

"Cando chegue á vila olímpica xa me vai impresionar como cando fun aos Xogos Europeos. Vou ter a motivación suficiente para facer un bo papel. Eu espero que sexa así", dixo Miguel Alvariño.

O sábado, 6 de agosto, empeza a natación. A ribeirense María Vilas probarase nas series dos 400 estilos. Días despois disputará os 800 libres.

A selección española de rugby fará historia. A boirense Vanesa Rial e a cambresa Paula Medín serán dúas das protagonistas do primeiro partido de rugby feminino na historia dos Xogos. Será o España-Francia do día 6.

A vela comezará o luns día 8, pero os galegos non empezarán ata o día 10. Un campión olímpico, Fernando Echávarri; unha campioa olímpica e do mundo, Támara Echegoyen, e un campión de Europa, Iago López, son as nosas bazas.

"Creo que hai como 8 ou 10 países que poden ter opcións de medalla", aventurou Támara Echegoyen.

"Os franceses están un punto por diante. Non che digo que teñan o ouro asegurado, pero teñen moitas papeletas para gañalo. Despois hai un grupo de varios países que imos estar aí xogando polas medallas", asegurou Fernando Echávarri.

Outra campioa do mundo, María Bernabeu, do Famu de Vigo, está entre as favoritas na categoría de -70 quilos de judo. O seu día, o 10.

"Soño ser María Bernabéu ao cen por cento, dalo todo en cada combate, facer o que toca en cada momento e, sobre todo, gozar", explicou María Bernabéu.

A primeira semana acabará co inicio do atletismo. No primeiro día Frank Casañas e Jean Marie Okutu buscarán a clasificación para as súas finais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

01/08/2016