Os primeiros menores de 30 anos comezan a recibir a vacina
Abre a vacinación dunha nova franxa de idade: dos 20 aos 29 anos. Prevíase para agosto, pero adiantouse. "Ata agora había bastantes vacinas en stock, no mes de xuño e xullo, entón habendo estocaxe si que se vai avanzando", explica Pablo Domínguez, un dos coordinadores de vacinación da área sanitaria Santiago-Barbanza.
É precisamente esta área a que inaugura a vacinación dos menores de trinta, cos primeiros mil citados no centro de distribución da Cidade da Cultura. Os que os precederon, de 30 a 39 anos, deixan as cotas de participación por baixo do 80 por cento. Esperan remontala neste grupo, e van notando o interese en obter o certificado de vacinación. "Cara ás restricións, poder viaxar, os certificados si que é algo polo que amosan moito interese as persoas" comenta Domínguez, "preguntan como facer para sacalo, se poden sacalo no momento ou se teñen que esperar", engade.
Os de 20 a 29 anos son os que teñen a incidencia acumulada máis disparada: en Galicia supera os 2.000 casos por cen mil habitantes en 14 días. "Tamén somos os que estamos sen vacinar, e os que máis contactos temos", comenta unha moza mentres espera pola súa vacina. Outra, chama á responsabilidade: "aínda que ti non teñas síntomas, podes contaxiar a outras persoas, e seguen as ondas, é o que estamos vendo".
Se se cumpren as previsións, esta semana completaranse as segundas doses no grupo de 30 a 39 anos e, a partir da que vén, estenderíase a vacinación dos menores de trinta ao resto de Galicia.