Os primeiros en vacinarse serán os usuarios e traballadores das residencias
• As vacinas serán de balde e non obrigatorias
A estratexia de vacinación fronte á covid−19 establece 18 grupos poboacionais aos que se lles irán administrando as doses das vacinas que se vaian autorizando. Serán os prioritarios os residentes e traballadores de centros sanitarios e sociosanitarios, uns 2,5 millóns de persoas.
Illa anuncia que os primeiros grupos en vacinarse serán residentes e persoal sanitario e sociosanitario en residencias. Logo irá o resto do persoal sanitario e os grandes dependentes non institucionalzados.
— G24 (@G24Noticias) November 24, 2020
A data aproximada de inicio sería en xaneiro. pic.twitter.com/RXpDYdSliK
A este grupo seguirano o resto de persoal sanitario e grandes dependentes, segundo anunciou este martes o ministro de Sanidade, Salvador Illa, quen explicou que os grupos se delimitaron en función de catro niveles de risco: morbilidade grave e mortaldade, grao de exposición á enfermidade, impacto socioeconómico e o ritmo de transmisión.
O plan delimita tres etapas de priorización en función da dispoñibilidade das inxeccións:
- "Subministración moi limitada" da dose, dende xaneiro a marzo.
- Incremento "de forma progresiva" da vacinación, de marzo a xuño.
- Inmunización da totalidade dos 18 grupos poboacionais previstos.
Inmunidade de grupo
Algúns expertos en saúde pública ven máis probable o próximo outono como horizonte para conseguir a inmunidade de grupo.
Conseguir esa vacinación masiva existosa tamén será clave para a economía. Meses de atraso traduciríanse en miles de millóns de perdas.
Este ano as empresas perderon de media un 25 % dos seus beneficios. É moitísimo máis do 2 % que perderan no máis duro da crise de 2008. Pero son as familias as que peor o pasan, sobre todo os cativos máis vulnerables.
A vacinación contra a covid−19 será voluntaria, gratuíta e farase nos centros de saúde. O Goberno quere que o seu plan sexa único para todo o país.