CRTVG

Buscar

Os primeiros 53 españois e afgáns evacuados de Cabul xa están en Madrid

Publicado o 19/08/2021 09:15

EFE

Trece horas despois de saír de Cabul, chegaban á base militar de Torrejón os primeiros 53 evacuados, cinco deles con nacionalidade española e moitos menores de idade. Tras as primeiras conversas, fixeron a proba da covid. Ningún positivo, aínda que un neno tivo que ser trasladado a un hospital por diarrea. Permanecerán neste campamento un máximo de 72 horas, mentres tramitan a solicitude de asilo. Despois, repartiranse por centros e pisos do Estado en diferentes lugares de España.

En paralelo, empezaron a chegar tamén os primeiros afgáns que traballaron para as institucións comunitarias, 36 nun voo procedente de Roma. O ministro de Migracións, José Luis Escrivá, explicaba que serán repartidos "entre toda a Unión Europea, proporcionalmente ao peso de cada país".

En Cabul quedan o embaixador, outro diplomático e 17 axentes para seguir coordinando a evacuación, unha misión complexa. O ministro de Asuntos Exteriores recoñece que "hai unha cousa que se nos escapa". "España puxo todos os medios necesarios, medios de transporte, contactos telefónicos, pero o aeroporto de Kabul é algo que non está nas mans de España", explicaba ante a prensa José Manuel Albares. Por iso, o Goberno español non se atreve a dar unha cifra dos afgáns que chegarán ao noso país.

Dende a oposición, piden a comparecencia no Congreso de Pedro Sánchez. Para Inés Arrimadas, presidenta de Ciudadanos, "é o Goberno de España o que tería que dar a cara e dicirlles ás comunidades autónomas e aos entes locais cal é o plan, cantas son as persoas previstas, os recursos". A voceira do PP no Parlamento Europeo, Dolors Montserrat, queda cunha imaxe,  "a dos nosos servidores públicos, do noso embaixador, en Kabul, traballando para facer esa repatriación mentres temos un presidente de vacacións e ausente".

Por videoconferencia, dende Lanzarote, Pedro Sánchez reuniuse hoxe con sete dos seus ministros. Xuntos, forman o grupo de traballo que supervisa as repatriacións dende Afganistán.

 

 

Noticias web

19/08/2021