Os prezos caen un 0,7% en abril polos carburantes, aínda que soben os alimentos

O índice de prezos de consumo (IPC) entrou en terreo negativo en abril ao caer sete décimas e situarse no -0,7 %, en niveis non vistos desde o verán de 2016, polo descenso dos carburantes, mentres que repuntaron con forza os prezos dos alimentos no medio da pandemia da COVID-19.
Segundo o indicador adiantado publicado este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), xunto ao descenso dos carburantes, que chegou a negativo nesa evolución do IPC, destaca o comportamento dos prezos dos alimentos, cuxa taxa anual pasou do 2,5 % en marzo ao 4 % en abril.
O INE explica que a declaración do estado de alarma xerou unha situación inédita na produción do IPC do mes de abril, xa que é a primeira vez que unha parte considerable dos bens e servizos non están dispoñibles para a súa adquisición, ou só o estan a través da web, e a recollida dos prezos tívose que realizar integramente por métodos telemáticos.