CRTVG

Buscar

Os presupostos chegan ao Congreso sen ter aínda garantidos os apoios

Publicado o 13/10/2021 20:15

Os presupostos xerais do Estado inician o trámite parlamentario. As contas inclúen o maior gasto público da historia e con 6 de cada 10 euros orientados aos servizos sociais. A maior parte dos cartos vai para pensións: subirán conforme ao IPC, agás as mínimas e as non contributivas, que o farán o 3 %.

María Jesús Montero, ministra de Facenda e Función Pública, salientou que "se trata de reconstruír o ascensor social que se deteriorou na pasada crise con potentes servizos públicos que dean resposta non só ás necesidades, senón tamén ás expectativas da clase media, que é a diana destas contas públicas".

No capítulo de investimentos, inclúense os 27.000 millóns de axudas europeas, destinadas sobre todo a innovación e dixitalización. O Goberno conta con aumentar un 8 % os ingresos por impostos, grazas á reactivación económica. A oposición cre que son previsións irreais e que os presupostos responden a fins electoralistas.

Segundo Cuca Gamarra, voceira do PP no Congreso, "o que estes presupostos para o vindeiro ano constatan é que o Goberno de Sánchez é o maior obstáculo para o crecemento da economía española e para a creación de emprego".

O salarios públicos soben o 2 %, igual que o dos membros do Goberno. Mantense conxelada a partida para Casa Real. Por comunidades, Andalucía e Cataluña recibirán un terzo de todo o investimento do estado. As máis prexudicadas respecto ao ano pasado serán Navarra e as Baleares. A seguinte cita para os presupostos será o 4 de novembro, cando se votarán as emendas á totalidade.

Noticias web

13/10/2021