CRTVG

Buscar

Os presos do 'procés' saen en terceiro grao pedindo a amnistía

Publicado o 29/01/2021 10:59
Os presos do 'procés' saen en terceiro grao pedindo a amnistía

Os sete presos do 'procés' que cumpren condena no cárcere barcelonés de Lledoners saíron de prisión este venres mostrando unha pancarta a favor da amnistía, despois de que a Generalitat lles concedese este xoves o terceiro grao, coincidindo co inicio da campaña electoral do 14-F.

Cara ás 10:35 horas saíron de Lledoners o exvicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras, os exconsellers Jordi Turull, Joaquim Forn, Raül Romeva e Josep Rull, o exlíder da ANC Jordi Sánchez e o de Òmnium Jordi Cuixart, que a partir de agora unicamente terán que acudir a prisión a durmir de luns a xoves.

Os sete presos amosaron aos numerosos xornalistas que lles esperaban ás portas do cárcere unha pancarta en que se podía ler "Amnistía. Fagámonos libres".

A Generalitat concedeu este xoves de novo o terceiro grao que o Supremo revogou aos líderes independentistas presos -coa excepción de Carme Forcadell, aínda pendente de resolución-, polo que desde este venres poden saír a diario e participar así na campaña electoral do 14-F.

O terceiro grao é efectivo desde este venres, aínda que a Fiscalía terá oportunidade de recorrelo e solicitar que o xulgado o suspenda ata que resolva o Supremo, que é o que ten a última palabra nas clasificacións penais como tribunal sentenciador.

Antes que os presos de Lledoners, a exconsellera Dolors Bassa, condenada polo 'procés', saíu ás 8:45 horas deste venres da prisión de Puig de les Basses, en Figueres (Xirona), facendo un chamamento á mobilización para "volver gañar" o 14-F.

No caso da expresidenta do Parlament Carme Forcadell, que tamén conta coa proposta do cárcere barcelonés de Wad Ras favorable ao terceiro grao, a Secretaría de Medidas Penais non resolveu aínda a súa clasificación.

Forcadell está confinada na súa cela debido a un brote de coronavirus no centro penal e a súa corentena non termina ata a próxima semana.