CRTVG

Buscar

Atréveste a facer un podcast en galego? Este concurso é para ti

Publicado o 13/11/2019 15:52
Atréveste a facer un podcast en galego? Este concurso é para ti

O IES Rosalía de Castro, Arraianos Producións e Ponte... nas ondas! presentan a segunda edición dos Premios de Podcast Xosé Mosquera Pérez. Tras a boa acollida da primeira, nesta edición ábrese a participación non só a todo aquel colexio de Galicia ou do resto de España no que se estude galego, senón tamén ao ámbito internacional, coa mirada posta no norte de Portugal.

Entre os obxectivos do concurso destaca o de promover a lingua e a cultura galega e portuguesa nos centros educativos e fomentar unha imaxe positiva da lingua mediante a vinculación coas novas tecnoloxías da información e da comunicación.

Haberá varios premios: un ao mellor traballo do alumnado de 6º de primaria, un ao mellor traballo doutros centros de ensino non universitario e dous Premios Especiais 25 aniversario de Ponte... nas ondas!

As obras gañadoras serán emitidas no acto público de entrega de premios dos II Premios de Podcast Xosé Mosquera Pérez. Tamén se divulgarán na Radio Galega e no Portal Escolas nas Ondas.

En paralelo á celebración do certame, a organización tamén está traballando na apertura do portal web en que se poderá acceder a todos os podcast.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí