CRTVG

Buscar

Os portugueses son os que máis se divorcian de toda Europa

Publicado o 18/09/2019 21:35

Á hora de poñer fin ao matrimonio non hai quen lles gañe aos portugueses en Europa. Eles son os que máis se divorcian. Por cada 100 casamentos hai 64 divorcios. España non queda atrás. Somos os terceiros con 57 por cada centenar de vodas segundo o Eurostat. A media europea está no 44 por cento.

Realmente non se pode dicir que se divorcien máis a causa disto pero en Portugal é máis sinxelo facelo. Dende a última lei de alteración do divorcio de hai uns anos a parella só ten que argumentar que "a cousa non funciona" e entre 7 e 10 días todo está solucionado.

Pero, ademais, dende o ano pasado outro cambio revolucionou os rexistros civís do país. O Parlamento portugués derrogaba a lei que obrigaba os divorciados a esperar 180 días para volver casar, 300 días nos casos das mulleres. O desfasamento entre sexos fora fixado nos anos 60 para que non houbese dúbidas na paternidade dos fillos. Un ditame machista do que non se teñen que preocupar máis.

Noticias web

18/09/2019