Os portos deportivos galegos superan por primeira vez as 10.000 embarcacións en tránsito
O sector da náutica de recreo deixa en Galicia cifras históricas en 2018. Por primeira vez, os portos deportivos superan as 10.000 embarcacións en tránsito. Trátase dunha cifra considerable se temos en conta que hai sete anos só entraban nos portos galegos arredor de 4.000 barcos de recreo. Este importante incremento responde a un intenso labor de promoción desenvolvido nas feiras internacionais de Europa e tamén á completa oferta turística e de servizos que os visitantes atopan en Galicia. Os esforzos diríxense agora á captación de novos visitantes dos países nórdicos e tamén á promoción do próximo Xacobeo de 2021.
Galicia posúe unha completa oferta de náutica deportiva que esperta o interese de moitas embarcacións que chegan en tránsito procedentes, fundamentalmente, de países como Francia, Irlanda ou a Gran Bretaña. O ano pasado foron máis de 10.000 os barcos que chegaron aos portos galegos. É un aumento dun 150 % se tomamos como referencia hai sete anos, cando só chegaban unhas 4.000 embarcacións. Son datos de Portos de Galicia, que está a desenvolver un intenso labor de promoción internacional deste sector que deixa un volume de negocio de arredor de 3 millóns de euros na nosa comunidade.
José Juan Durán Hermida, presidente de Portos de Galicia: "A Xunta de Galicia ten como obxectivo estratéxico fidelizar ese importante número de visitantes que chegan aos nosos portos atraídos polo seu deseño, os servizos que se prestan. En definitiva, por unha oferta turística de calidade".
Os esforzos diríxense agora cara ao mercado dos países nórdicos e á promoción para o ano santo do 2021.