CRTVG

Buscar

Os porcos bravos estragan colleitas de millo e patacas ao lado das vivendas en Verducido, Pontevedra

Publicado o 23/08/2019 13:44

Na parroquia pontevedresa de Verducido, os veciños amosan moito cabreo polos prexuízos que lles está a ocasionar o descontrol na poboación de xabarís.
Esta situada en Bordel ao lado de vivendas é unha das últimas leiras estragadas.

Mariluz expresa un sentir co que coinciden os veciños que nos reciben e que se traduce nun clamor ante os gobernantes pola proliferación de xabarís:

"Que lles fagan sitio, que busquen onde pechalos ou onde telos. Nós non estamos aquí para divertir a ninguén. Nós queremos que saquen estes animais das leiras ou que os deixen matar, que nos dean permiso para matalos nas nosas leiras. Que nos dean permiso. Pagámoslle a un cazador e liquidámolos nas leiras. Pero que non veñan multarnos, aínda por riba".

Entre os prexudicados falan de chegar ata onde faga falta na súa mobilización antixabaril, mentres Manuel conta que vai deixar de labrar as leiras porque xa leva varias colleitas arrasadas.

"Deixoume a pedir. Unha leira de 3 ferrados levouma toda e o ano pasado levoume outra. E xa non o boto, porque, para que? Estaba botando esta porque non viña e producíame 20-25 capachos de espigas"
E como isto non se pare, vaise revolucionar o pobo, eh, porque non imos quedar así".
- Son moitas as leiras afectadas?
"Todo Verducido, poden ir por toda a parroquia e verán cantas hai. E cantos tiveron que deixar de plantar.

Contan que para esta fin de semana hai programada unha batida de xabaril e din que esas cacerías tiñan que realizarse desde antes da plantación das parcelas.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/08/2019