CRTVG

Buscar

Os policías investigados en Ourense recrean os seus pasos o día da morte dun compañeiro

Publicado o 25/01/2020 14:06

Os policías xemelgos de Ourense volveron este mediodía á comisaría para recrear os pasos que deron o día que faleceu dun disparo o axente Celso Blanco. É unha nova dilixencia solicitada pola xuíza que leva a instrución e que sostén que os irmáns mataron presuntamente o seu compañeiro.A Fiscalía pide por terceira vez o arquivo da causa. 

O policía nacional Celso Blanco faleceu dun disparo na cabeza o 9 de abril de 2016 no seu despacho da comisaría de Ourense. Nun principio todo apuntaba a que se suicidara cunha das pistolas roubadas na armería, pero case dous anos despois a xuíza do xulgado de Instrución número 3 de Ourense ordenaba deter os policías xemelgos Roy e Bernardo Deprado polo presunto homicidio do seu compañeiro. Os irmáns investigados negaron as acusacións e quedaron en liberade baixo fianza.

Este mesmo mes os xemelgos presentaron unha querela ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pendente de admisión, por seis delitos contra a xuíza, din que a súa actuación foi irregular durante a tramitación das dilixencias. A Fiscalía e a defensa non ven probas dun crime e piden o sobresemento da causa. Pola súa banda, o avogado da familia do policía falecido nega que fose un suicidio e pide que se siga investigando.

A xuíza ampliou a instrución ata o 2021, non lle cadra a posición do cadáver e a traxectoria do disparo e considera que foron presuntamente os irmáns os que mataron a Celso para encubrir o roubo de armas e os anónimos.

Hoxe segue os seus pasos para comprobar que a versión que deron corresponde coa localización rexistrada polos seus móbiles o día da morte de Celso.

Noticias web

25/01/2020