CRTVG

Buscar

Os pneumólogos advirten de que fumar nas terrazas pode aumentar o risco de contaxio

Publicado o 26/05/2020 15:32

A advertencia dos pneumólogos é clara, este xesto, o de fumar un cigarro nunha terraza pode aumentar o risco de contaxio de coronavirus. Por iso se se atenden as súas advertencias non se debería fumar en terrazas e espazos públicos.

Recomendan non facelo porque ao exhalar o fume libéranse pequenas gotas que poden conter carga viral.

"Os fumadores que exhalan o fume do tabaco están liberando un montón de particulas do virus, e isto pode ser un risco para os demais consumidores da terraza", explica o pneumólogo Carlos Rábade, do CHUS.

Unha persoa pode contraer a COVID-19 se inhala esas gotas respiratorias diminutas que liberamos ao tusir, ao espirrar e tamén ao exhablar o fume do tabaco ou de dispositivos electrónicos.
A isto hai que sumarlle, din, que os fumadores levan as mans á cara constantemente, calculan que unha persoa que fume 20 cigarros ao día achegará os dedos á boca unhas 300 veces.
Tendo isto en conta a Sociedade Española de Pneumoloxía abre o debate e en tempos de desescalada desaconsella máis ca nunca fumar nas terrazas.

Os especialistas afirman que existen evidencias científicas de que os fumadores son máis vulnerables ao coronavirus.

Nos fumadores o coronavirus causa de xeito máis frecuente insuficiencia respiratoria grave, necesidade de intubación e ingreso en UCI.

 

Noticias web

26/05/2020