CRTVG

Buscar

Os piratas invaden o Casino de Pontevedra

Publicado o 05/03/2019 15:36

En Pontevedra, o tempo obrigou a modificar a programación de Entroido. Moitas das actividades previstas para esta tarde, como a festa de disfraces para nenos e nenas, pasarán ao recinto feiral. 

Con todo, na cidade do Lérez estes pequenos contratempos non impiden a continuidade dunha programación onde non falta o Ravachol, o concurso de charangas e os campamentos de Entroido para os máis pequenos. Todo está preparado para desfrutar de varios días de troula, para concluír o sábado coa queima do papagaio Ravachol.

Os piratas invadiron esta mañá o Casino de Pontevedra. Fixérono de forma pacífica e acompañados doutros personaxes de conto. As vacacións de Entroido permiten que días coma o de hoxe nenos e nenas desfruten de campamentos urbanos coma este. Máis dunha vintena de pequenos participaron nunha xornada lúdica e festiva que é un punto e seguido á ampla programación prevista para estes días en Pontevedra.

A presentación do papagaio Ravachol onte na praza da Peregrina marca o ritmo duns festexos que continuarán esta tarde no Recinto Feiral coa Festa Pirata de Entroido Infantil a partir das cinco da tarde. Media hora antes no mercado de abastos haberá concurso de filloas e a partir das dez da noite, se o tempo o permite, desembarco da tripulación da Burla Negra no centro histórico. E, por suposto, moita música. O punto de saída márcao o concurso de murgas, coa celebración da primeira eliminatoria. O velorio e queima de Ravachol este sábado despedirá varios días de troula.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/03/2019