CRTVG

Buscar

Os barcos sospeitosos de pesca ilegal deberán levar cámaras a bordo

Publicado o 11/03/2021 10:58
Os barcos sospeitosos de pesca ilegal deberán levar cámaras a bordo

O Parlamento Europeo rexeitou este xoves obrigar a todos os buques pesqueiros a levar cámaras a bordo para controlar o cumprimento da obriga de desembarque. Porén, unha porcentaxe mínima de embarcacións identificadas como posibles incumpridoras deberá levalas durante as mareas.

O pleno da Eurocámara aprobou con 439 votos a favor, 190 en contra e 66 abstencións a reforma do regulamento de control da pesca que presentou como relatora a española Clara Aguilera, do PSOE.

A instalación de circuítos pechados de televisión nos barcos era un dos puntos máis controvertidos desta proposta. Finalmente, o Parlamento defende a súa obrigatoriedade só para pesqueiros, de máis de 12 metros de eslora, identificados nos programas de seguimento e control dos Estados membros como de “alto risco” de incumprimento da obriga de desembarque.

Tamén serían obrigatorios como sanción para todos os buques que cometan dúas ou máis infraccións graves neste eido. Ademais, aprobouse un sistema voluntario con incentivos para aquelas embarcacións que decidan instalar o circuíto de televisión.

A eurodeputada considera que a reforma “garante o cumprimento efectivo, uniforme e actualizado da Política Pesqueira Común”.

Diario electrónico de a bordo

Por outra banda, a Eurocámara deu luz verde á xeneralización para toda a flota do diario electrónico de a bordo. Para os buques menores de 12 metros, establécese un sistema simplificado.

Tras a aprobación da reforma do regulamento do control da pesca, o Parlamento está listo para iniciar as negociacións co Consello da UE.

A proposta prevé que os operadores dispoñan de catro anos, tras a entrada en vigor das normas, para equipar as embarcacións coas novas tecnoloxías necesarias.