CRTVG

Buscar

Os peritos, no xuízo sobre Meirás: "A diferenza entre Franco e o Estado é cero"

Publicado o 09/07/2020 08:39

Última xornada do xuizo pola propiedade do Pazo de Meirás, actualmente en mans da familia Franco. Chega á súa fin coas conclusións das partes despois de tres días de comparecencias de investigadores, profesores, peritos e veciños desa localidade coruñesa.

Na xornada deste mércores, peritos que prestaron declaración no xuízo pola devolución do pazo de Meirás rexeitaron que o inmoble se dese a Franco a título particular.

"A diferenza entre Franco e o Estado é cero ou practicamente cero", expuxo o profesor titular de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Emilio Grandío.  

Na vista, puxeron tamén en cuestión, a preguntas do letrado que representa os Franco, que estea acreditado que o ditador pagase o Imposto de Bens Inmobles (IBI), unha condición  de contribuínte que, entre outras, segundo sostén a parte demandante, suporía un "recoñecemento" ao dereito da propiedade por parte do ditador.  

En concreto, o catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Busto, considerou acreditado, conforme á documentación existente, que a Francisco Franco "lle pasaban o IBI".  Con todo, rexeitou que confirme "quen o pagou", dixo ante a exposición do letrado dos Franco, quen apelou ao pagamento deste imposto ou aos rendementos da explotación agropecuaria para defender que o pazo foi entregado a Franco a título particular e non como xefe do Estado.

Noticias web

09/07/2020