CRTVG

Buscar

Os peritos de Adif declaran que a curva da Grandeira é segura

Publicado o 14/09/2018 21:16

Nas declaracións polo caso Alvia, un enxeñeiro citado por Adif asegurou hoxe que a desconexión do sistema ERTMS non afectaba á seguridade da curva de Angrois. O perito, de feito, atribúelle a responsabilidade do accidente ao maquinista, e argumenta que xa circulara 60 veces polo mesmo tramo sen problemas.

Antonio Puyol, director técnico da empresa Airtren, ratificou diante do xuíz o informe pericial que elaborou para o Adif despois do accidente, no que constatou que a curva da Grandeira cumpría os parámetros de seguridade. Puyol mantivo que o sistema ERTMS non evitaría o accidente, e reforzou a idea de que era o maquinista o que tiña que avaliar os riscos. A defensa do maquinista critica que Puyol foi traballador do Adif, e que a súa declaración non é obxectiva.

"Como é tan aberrante o que di entendo que non se vai ter en consideración ese informe pericial, porque desde logo non ten nada de obxectividade", di o avogado do maquinista.

Tanto o avogado do maquinista coma o das vítimas piden que xuíz chame a declarar ao Xefe da Axencia Ferroviaria Europea.

"Creo que é o momento de que veñan declarar as persoas que fixeron o único informe que é completamente obxectivo, e que poidan explicar aquí que foi o que pasou, botar luz sobre todo esto", di o avogado das vitimas.

Este venres tamén declarou a actual directora técnica de Adif, que se reafirmou en que todas as análises de riscos estaban feitas, e que avalaron, dixo, a seguridade da curva.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/09/2018