CRTVG

Buscar

Os peritos confirman anomalías na contabilidade do grupo inmobiliario Mahía

Publicado o 18/06/2019 14:35

Na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, retomouse o xuízo oral polo caso Mahía polo presunto desvío do negocio inmobiliario cara a outras sociedades ás costas dun dos partícipes na inmobiliaria.

Este martes testificaron os seis peritos encargados de analizar as contas e movementos económicos entre as diversas sociedades, así coma de avaliar o prexuízo económico que as actuacións presuntamenteme dirixidas por Ramón López Casal, socio maioritario de Mahía, puideron causar ao seu socio Manuel Gómez Maroñas.

Un tras outro, os peritos ratificaron os informes realizados nas diversas fases do proceso. Infomes en que conclúen que había anomalías importantes na contabilidade e que esta non reflectía a realidade fiel dos movementos que se producían.

Os peritos non puideron acreditar que varios dos créditos entre empresas compartidas e empresas particulares do grupo inmobiliario fosen devoltos nin que se recibisen xuros por eles.
Aseguraron, ademais, que o demandante, Manuel Gómez, non recibiu dividendo ningún de Mahía Grupo Inmobiliario e que resultou prexudicado economicamente polas actuacións do grupo cara a outras sociedades, principalmente Maexpa.

Rematadas as periciais, mañá será a quenda de conclusións para a acusación. A Fiscalia pide 12 anos de cadea para Ramón López por un delito continuado de administración desleal, outro de apropiación indebida e outro societario, así coma unha indemnización de 8 millóns de euros. Para os outros 5 acusados solicita 9 anos e oito meses de cadea.

Espérase que o venres, tras os informes dos letrados, o xuízo quede visto para sentenza.






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019