CRTVG

Buscar

Os pementos do Couto chegan ao mercado con nova imaxe

Publicado o 11/06/2021 14:20

A colleita dos pementos do Couto está en marcha nos distintos invernadoiros de Ferrolterra. As primeiras caixas xa pasaron pola envasadora da Cooperativa do Val e están a ser comercializadas. Este ano cunha nova imaxe no seu empaquetado para un produto cada vez máis coñecido.

"É un pemento doce, no logotipo sempre aparece que son os que non pican e, logo o seu tamaño, sempre van ser dunha forma alongada e non van medir nunca máis de sete centímetros", explica Marta Vázquez, xerente da Cooperativa O Val.

O ano pasado embolsaron 24.000 quilos, co que iso supón no fomento da economía da comarca. Este ano apunta a máis cantidade e mantemento do prezo.

"Seguimos sempre co mesmo prezo. Accesible, pero tendendo ao valor que ten o produto. Agora mesmo anda polos 3,50 euros", precisa Marta Vázquez e engade: "Hai máis demanda e nós temos que producir máis, contar con máis produtores tamén. Temos a nosa propia colleita e colaboramos con produtores da zona".

José é un dos produtores da Cooperativa do Val e di que todo dependerá do sol e da calor. Pero de momento, a campaña leva boa marcha: "Este ano a colleita é un pouquiño mellor que o ano pasado.
O ano pasado plantei uns cen pés e este ano, uns douscentos".

Outro produto que empeza a coller pulo en Ferrolterra é o que chaman tomate negro e que como os pementos do Couto teñen unha demanda crecente tamén fóra da comarca.

"Enviamos onde nolo pidan. E cando digo isto refírome a todo o territorio español. Si que facemos envíos", resalta a xerente da Cooperativa O Val.

A campaña dos pementos do Couto ten uns tres meses de vida case coincidentes coa estación do verán.

Noticias web

11/06/2021