CRTVG

Buscar

Os patinetes eléctricos non poderán circular pola beirarrúa desde este sábado

Publicado o 02/01/2021 09:09
Os patinetes eléctricos non poderán circular pola beirarrúa desde este sábado

Desde hoxe os patinetes eléctricos non poderán circular polas beirarrúas e zonas peonís nin superar os 25 quilómetros por hora de velocidade, ademais de que os seus usuarios deberán cumprir as normas de circulación coma o resto de vehículos.

A normativa que regula o uso dos vehículos de mobilidade persoal (VMP), os patinetes e os sabway, sobre todo, entrou hoxe en vigor tras publicarse hai unhas semanas no Boletín Oficial do Estado (BOE). Mentres, haberá que esperar ao 12 de maio para que o fagan as modificacións á velocidade nas cidades: 50 quilómetros por hora en vías de dous ou máis carrís, 30 quilómetros por hora nas dun único carril por sentido de circulación, e 20 quilómetros por hora nas que dispoñan dun carril único na calzada.

Porque aínda que esta modificación dos límites xa foi publicada en forma de real decreto no BOE, o Ministerio do Interior quixo dar un tempo aos concellos para que adapten a súa sinalización e as súas vías aos cambios. Tamén terán que adaptar as súas ordenanzas á irrupción nas calzadas urbanas dos VMP e habilitar, se así o estiman oportuno, zonas de aparcamento para este medio de transporte.

A partir deste sábado todo aquel que circule en patinete eléctrico terá que cumprir as normas de tráfico coma calquera outro condutor e, mesmo, poderá ser sometido á proba de alcoholemia.

Con todo, queda pendente de acordar a necesidade ou non dun seguro obrigatorio para estes vehículos de mobilidade persoal (VMP). "Abriremos unha segunda fase de debate cos concellos na que, a partir de toda a experiencia acumulada, imos avanzar nunha regulación moito máis detallada. Está previsto falar de todo", mesmo dese seguro, dixo recentemente o director xeral de Tráfico, Pere Navarro.

En calquera caso, serán as policías municipais as que se encarguen da vixilancia e control e as que, cos seus concellos, establezan as prioridades á hora de sancionar unhas condutas ou outras, como lembrou o máximo responsable da Dirección Xeral de Tráfico.

A regulación do patinete forma parte dun paquete de reformas legais, aprobado polo Goberno o día 10 de novembro, cuxo obxectivo é xerar un novo modelo de seguridade viaria que permita rebaixar nun 50 por cento os falecidos e os feridos graves durante a próxima década.