CRTVG

Buscar

Os partidos quentan motores para unha campaña curta e con menos subvencións

Publicado o 19/09/2019 08:59

Para o inicio oficial da campaña electoral das xerais do 10 de novembro quedan aínda 42 días. Pero os partidos xa quentan motores. A campaña vai ser máis curta e haberá menos axudas e subvencións para propaganda. Aínda está por ver que debates e que cara a caras aceptarán os contendentes. O que xa se pode albiscar son as mensaxes. E todas pasan por desfacerse da culpa da propia repetición electoral.

O luns 23, se non hai sorpresas, disolveranse as Cortes Xerais do Estado, pouco máis de tres meses tras a súa constitución. Os partidos posiciónanse outra vez na grella de saída para iniciar a carreira electoral. Hoxe, hai Executiva do PSOE, a  primeira despois de que onte recibise o reproche da oposición, en bloque, culpándoos de ter que volver ás urnas o 10 de novembro.

Desde Unidas Podemos critican en especial as chiscadelas a Ciudadanos. "Eu creo que este xogo de mans confunde a todo o mundo", dixo onte Alberto Garzón. 

"Comprendo que teña que usar a inexactitude para xustificar como o seu grupo rexeitou unha coalición o pasado mes de xullo", respondeulle a María Jesús Montero. A aínda ministra de Facenda en funcións, tamén parte do equipo negociador do PSOE, responsabilizou a Unidas Podemos do fracaso.

Mentres no PP amosaban un dos argumentos que esgrimirán na campaña: a ameaza dunha nova recesión.

"Íalle preguntar á señora ministra que medidas tiña previstas o goberno ante os evidentes sinais de desaceleración, pero creo que a mellor medida é que se vaian", declarou o secretario xeral dos Populares, Teodoro García-Egea .

"Levo 15 meses escoitando que ao dia seguinte vai acabar o mundo e o certo é que a economía española está capeando ben, moito mellor do que algúns vaticinan", ironizou a responsable da carteira de economía, agora en funcións, Nadia Calviño.

En Ciudadanos, ademais da baza económica, insisten na intervención en Cataluña. 

"A Constitución española ten 169 artigos e vostedes limítana ao 155", retrucou o ministro de Agricultura, Luís Planas, ás advertencias de Inés Arrimadas sobre a actitude do independetismo cando se dea a coñecer a sentenza do procés. Rivera marca a Casado como socio preferente: "Eu comprométome a que, se a noite electoral hai un só escano máis para formar goberno, chamarei o señor Casado e sumaremos os nosos escanos".

En Unidas Podemos terán que afrontar nos próximos días a petición do sector andaluz que pide concorrer ao 10 de novembro como Adelante Andalucía e quizais á irrupción da candidatura de Íñigo Errejón.

Mentres, no seo do PSOE hai tamén chamamentos a unha campaña propositiva.

Quedan 42 días e moitas decisións. Entre outras, a participación dos líderes nos debates electorais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/09/2019