Os partidos da oposición manteñen a lealdade ao Goberno galego na loita contra o coronavirus
Os partidos da oposición volveron trasladarlle a Feijóo a súa lealdade ao Goberno galego na loita contra o coronavirus. Non foi un día de críticas pola situación de pandemia, pero si que expresaron as súas discrepancias coa xestión que desta crise sanitaria está a facer o presidente da Xunta. O PPdeG agradeceu a unión de todos os partidos e destacou que Galicia se anticipou na toma de medidas.
"En Marea está a carón do Executivo galego na non conformidade da repartición do plan que ofrece o Estado. Son sete millóns que nos queren roubar. Pero unha vez que os temos, temos que repartilos ben", asegura Davide Rodríguez, do Grupo Mixto.
"A lealdade do BNG é coa xente deste país e por iso non podemos deixar de dicir que foi un erro non pechar os territorios que foron un gran foco de expansión do coronavirus. Non podemos deixar de dicir que é un erro non pechar toda a actividade que non sexa necesaria neste momento", di Ana Pontón, do BNG.
"Acaba de explicar as medidas que está a tomar. Moitas delas compartímolas porque veñen do criterio dos especialistas na saúde. Botamos en falta outras no eido económico. Botamos en falta o cumprimento escrupuloso do seu papel como presidente de todos os galegos e todas as galegas e que non aproveite a súa situación para actuar partidariamente, afirma Antón Sánchez, do Grupo Común da Esquerda.
"Esta situación implica unha necesidade de cooperación. A situación colleunos a todos nun escenario imprevisto, nun escenario de dificultades e agora hai que traballar en clave de futuro. Por iso queremos reforzar todas as medidas que teñen que ver co ámbito sanitario, coas políticas sociais e co ámbito económico, políticas para as persoas", asegura Gonzalo Caballero, do PSdeG.
"Eu creo que a oposición estivo tamén á altura apoiando e facendo propostas pra loitar contra a crise, cun ton construtivo nas reunións que tivemos. Creo que non o está cando relaciona supostos recurtes coa crise do conronavirus. Eu quero recordar, simplemento, que foi o Goberno socialista no ano 2009 quen limitou ao 30 por cento a reposición das prazas no sistema sanitario", di Pedro Puy, do PPdeG.