CRTVG

Buscar

Os partidos da dereita cren que o xoves Sánchez será presidente

Publicado o 23/07/2019 16:02

• Unidas Podemos pídelle ao PSOE un movemento xa: "O tempo acábase"

Tras a primeira votación en que Sánchez non conseguiu os apoios necesarios para ser elixido presidente, o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, afirmou que Pedro Sánchez quedou na "absoluta soidade parlamentaria" por carecer dun proxecto crible e a pesar de abrirlle as portas do Goberno a Podemos.

Non obstante, constatou que nas últimas horas "algo cambiou", dado o voto telemático emitido ás nove da mañá pola voceira de Podemos Irene Montero. "Todo parece indicar que as cousas poden cambiar en 48 horas ata o xoves".

Precisamente, a voceira adxunta de Unidas Podemos, Ione Belarra, advertía de que "o tempo se acaba" e pedíalle ao PSOE un movemento rápido que favoreza as negociacións. "Fixemos moitas renuncias, non fai falta recordar o paso ao lado que deu Pablo Iglesias".

Inés Arrimadas, por parte de Ciudadanos, dicía ao finalizar a votación que se Pedro Sánchez non pon moitas trabas o xoves "a banda de populistas e nacionalistas" votará a favor de que siga na Moncloa. Arrimadas asegurou que todas as cartas están sobre a mesa e nacionalistas e independentisas "queren que siga Sánchez".

Pola súa parte, Vox ve lóxico que hoxe Sánchez non conseguise sacar a investidura adiante, por non ofrecerlle "nada" a Podemos, pero Espinosa de los Monteros dicía que está convencido de que en "48 horas ou en 48 días haberá un goberno".

Desde as filas socialistas, Rafael Simancas pediulles aos grupos parlamentarios "un triplo exercicio de realismo, coherencia e responsabilidade" na votación decisiva do xoves para a investidura e, en concreto a Podemos, reclamoulle "altura de miras e xenerosidade".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí