CRTVG

Buscar

O contracumio maniféstase contra o capitalismo e por un cambio social

Publicado o 24/08/2019 14:16

Os participantes no contracumio do G-7 saíron en manifestación desde o porto de Hendaia, en Francia, ata Irún, no lado español da fronteira.

Os organizadores, que prevían reunir polo menos 10.000 persoas, adiantaron antes de partir que a súa intención era mostrar o seu rexeitamento ás políticas capitalistas nun ambiente festivo e familiar. De feito, incluíron diversos tipos de animacións.

A marcha, autorizada, congregou colectivos sociais variados, como tamén o foron os lemas e as consignas, que recordaron desde o drama dos migrantes, á preocupación polo coidado do medio, o pobo palestino ou os presos da ETA.

As forzas da orde españolas e francesas despregaron un dispositivo policial discreto con axentes de paisano para garantir o desenvolvemento pacífico da manifestación e vixiar a posible infiltración de violentos.

Onte á noite dezasete persoas foron detidas e catro policías resultaron feridos leves en altercados no contorno do campamento do contracumio. A policía indicou que parte dos arrestos producíronse tras enfrontamentos coas forzas da orde durante unha manifestación non solicitada. Tamén houbo incidentes cando un grupo de persoas tratou de introducirse na autoestrada que conduce á fronteira española.

Noticias web

24/08/2019