CRTVG

Buscar

Os parrulos cruzan polo paso de peóns en Oleiros

Publicado o 19/02/2020 21:37

Hoxe preferiron cruzar pola zona do río soterrada. Pero é moi habitual ver este grupo de parrulos cruzar por este paso de peóns. Así o afirman os veciños de Santa Cruz, no concello coruñés de Oleiros, e demóstrano gravando vídeos coma este. Estes animais sempre cruzaron ao outro lado polo mesmo sitio. Así que, cando se pintou o paso de peóns, o Concello tamén colocou un sinal avisando do paso de parrulos.

"É moi curioso, si; cando pasan os parrulos dá gusto velos, e os coches paran". "Moitas veces, a verdade é que si. Ademais, os coches paran e os parrulos pasan, ás veces polo paso de peóns e ás veces un pouquiño máis ali".

A imaxe xa a teñen moi vista os veciños de Santa Cruz, que, con todo, non deixan de sorprenderse con ela.

"Ao cabo, non deixa de ser un animal que está a seguir a normativa vixente, cruzando por onde ten que cruzar... É interesante, si, unha cousa interesante". "É curisoso e bonito á vez. Ademais, por aquí hai moito parrulo pequeniño".

Pero sobre todo, afirman, son os visitantes os que máis se sorprenden ao ver a escena dos parrulos cruzando polo paso. "Á xente de fóra estráñalle un pouco, porque se ve que é un sitio único".

Con moito humor, os veciños din que son parrulos aos que lles gusta o clima galego, xa que cruzan a estrada sobre todo os días que chove.

Noticias web

19/02/2020