CRTVG

Buscar

Os panadeiros artesáns cren que as novas normas son pouco claras e quedan curtas

Publicado o 01/07/2019 14:13

Desde  hoxe emtran en vigor os novos criterios sobre elaboración e comercialización do pan. A pesar de que no sector consideran que era necesario que se actualizara a normativa, os panadeiros artesáns cren que debería ser máis clara do que é.

A nova normativa para a elaboración e a comercialización do pan vén sustituír unha que tiña 35 anos. No sector consideraban moi necesario actualizala para que o cliente soubese o que realmente mercaba.

 Guillermo Moscoso Moure, panadeiro: "En liñas xerais, vaise mellorar por exemplo o IVE do pan integral e do pan sen sal, que estaba ao 10% e pasa ao 4%, que é o máis normal. Era totalmente anormal que tivese unha porcentaxe máis alta. Pero para o pan artesán, permítese a utilización de mixes e de aditivos que non son concebibles nun proceso artesanal."

Nesta panadería compostelá, na que traballan 25 persoas, elaboran a diario uns 700 quilos de pan. A entrada en vigor da nova normativa non lles afecta demasiado porque cumpren de sobra os parámetros. É máis, consideran que queda curta e confusa para os casos do pan artesán ou o pan de masa nai.  

Guillermo Moscoso Moure, panadeiro: "Non digo que a levadura industrial sexa mala, nós utilizámola en moitos procesos e dá uns pans fantásticos, pero ao cliente hai que darlle algo aclaratorio. Algo tan importante como é o pan, é unha lástima que non se faga ben, que quede todo a medias. Está claro que hai factores moi limitantes, a industria ten moito peso e mira polos seus intereses e paréceme ben, pero gustaríame que fose máis clara para que o cliente poida comprar."

O consumo de pan vai a menos desde hai vinte anos. Segundo un estudo da Cátedra do Pan e do Cereal da Universidade de Santiago, cada galego consome uns 80 gramos diarios, 30 quilos ao ano.

Noticias web

01/07/2019