Os "países frugais" torpedean o cumio da UE cunha rebaixa das subvencións
Neste cumio da Unión Europea constátanse as diferenzas de enorme calado entre a maioría dos Vinte e sete, incluídas as grandes potencias comunitarias, fronte aos "países frugais". Estas imaxes da xuntanza protagonizada hoxe por Holanda, Suecia, Dinamarca, Austria e Finlandia dan conta da súa estratexia común. Entre eles hai diferenzas de matices, pero están de acordo no fundamental: baixar o fondo de recuperación a 700.000 millóns de euros, 350.000 para transferencias a fondo perdido e outros tantos para empréstitos reembolsables, ademais do incremento dos mecanismos de control.
A realidade é que manteñen en xaque aos grandes Estados (Alemaña. Francia, Italia e España) e con eles á maioría de países, que reclaman unha resposta urxente á crise económica derivada do coronavirus. Tanto Angela Merkel como Emmanuel Macron xa alertaban esta mañá da posibilidade de que o cumio non chegara a bo porto.
Pedro Sánchez non fixo decaracións na xornada matinal. Sábese que se amosou disposto a aceptar que Holanda poida intervir para demorar a entrega de axudas se interpreta que un país non cumpre coas reformas pactadas, pero non que vete o pagamento das axudas. Porque o que Mark Rutte pretende, no fondo, é unha capacidade de veto case ilimitada; en realidade, unha gran baza electoral para os comicios holandeses do ano vindeiro.
Nesta terceira xornada do cumio xurdiu outra polemica. A maioría dos países apoia condicionar as hipotéticas axudas ao respecto do Estado de dereito. A mensaxe ía diixida a Hungría e Polonia, e iso abriu outra fronte de fricción, co primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, como protagonista.
Todo parece indicar que o factor esperanza para este cumio xa está esgotado. Agás sorpresa final, a materia dun acordo ambicioso para reactivar a economía europea vai quedar para setembro.