Os países europeos anuncian axudas á hostalería para paliar as perdas
Xa vemos que moitos países europeos están pechando a hostalería. Un deles é Alemaña, onde pechan bares e restaurantes a partir do luns.
Para paliar as perdas, o Goberno de Angela Merkel vailles pagar aos locais o 75% do que facturaron o ano pasado durante o tempo que estean pechados.
En Francia tamén pechan os comercios non esenciais. O Goberno de Macron amplía as axudas aos negocios de ata dez mil euros mensuais, en función do que perden en facturación.
Mentres, en Italia hai previstas compensacións de 5.400 millóns de euros para calmar as protestas polos peches.
En Bélxica, anunciaron axudas directas aos hostaleiros que teñan que baixar a reixa.
Por outra banda, aquí en España os hostaleiros propoñen que se prorroguen os ERTE durante todo o ano que vén para preservar o emprego no sector. Piden tamén axudas directas para evitar peches masivos.