CRTVG

Buscar

Os países de Europa endurecen as restricións polo avance da covid-19

Publicado o 22/10/2020 21:45

A República Checa mantense como o primeiro país europeo canto á incidencia da covid−19. Os contaxios superan alí o milleiro por cada cen mil habitantes. E nesta preocupante situación, a Comisión Europea envía un lote de respiradores para frear a presión no seu sistema de saúde.
Bélxica é, tras a República Checa, o segundo país con máis incidencia de covid-19 de Europa. Nas últimas horas volveu bater o récord de casos diarios. A ministra de Exteriores está ingesada na UCI.  Desde o luns hai toque de queda, o contacto social fóra da casa está limitado a unha persoa  e as cafeterías e restaurantes estarán pechados durante un mes.

Tamén está pechada a hostalería nos Países Baixos, ademais das restricións de reunión e de ocupación. Son o terceiro país con peores datos da Unión Europea.

Francia, ademais das restricións no ocio e na vida social, ten decretado o toque de recollida en oito cidades e na capital durante polo menos catro semanas. 

En Italia xa hai toque de queda na Lombardía, esta rexión do norte é a máis afectada. Tamén están prohibidos os desprazamentos durante a noite no sur, en Campania. E, a partir do sábado o toque de recollida aplicarase tamén no Lacio, onde se encontra Roma.

Irlanda convértese no primeiro país en decretar o confinamento total nesta segunda vaga. Estarán así seis semanas. As festas en domicilios poderán ser penadas con seis meses de prisión ou multas de 2.500 euros. Hai confinamento tamén no país de Gales, no Reino Unido. Empezará este venres e durará dúas semanas. Tamén a partir deste venres en Manchester pecharán os lugares de ocio. A restrición xa se aplica en Liverpool. O Goberno británico trata de evitar, di, o confinamento total.

Alemaña rexistrou nas últimas horas o segundo valor máis elevado de novos contaxios desde o inicio da pandemia. Nas zonas con elevado nivel de contaxios, como Berlín, está decretado o peche nocturno de bares e restaurantes, prohibida a venda e consumo de alcol na rúa e limitadas as reunións.

Noticias web

22/10/2020