Os países da Unión Europea aproban o acordo sobre a reforma da PAC

Os ministros de Agricultura da Unión Europea aprobaron o acordo provisional logrado o pasado venres polas institucións europeas sobre a Política Agrícola Común (PAC) que se aplicará entre 2023 e 2027.
Nunha xuntanza en Luxemburgo, o Consello de ministros de Agricultura apoiou o pacto, que aínda deberá recibir o visto e prace do Parlamento Europeo.
"É a maior reforma da PAC desde os 90. Tiñamos a ambición de lograr unha agricultura máis sostible, xusta, inclusiva e que nos proporcione autonomía estratéxica. E lográmolo", asegurou Maria do Céu Antunes, a ministra de Agricultura de Portugal, país que preside a UE este semestre.
Durante o debate público para analizar o acordo logrado polas institucións europeas (Consello e Parlamento coa mediación da Comisión Europea), a maioría deixou claro que algúns puntos podían terse resolto doutro xeito pero que, en xeral, o pacto é equilibrado e satisfactorio.
"Boa nova para os nosos agricultores, gandeiros e o medio rural. Tras tres anos de negociación, ratificamos, no Consello de Agricultura e Pesca da UE, o acordo sobre a PAC 2023-2027", dixo o ministro de Agricultura e Pesca español, Luís Planas, a través da súa conta en Twitter.
"É un grande éxito para a agricultura europea", sinalou pola súa banda o comisario europeo do ramo, Janusz Wojciechowski, convencido de que impulsará un sector agrario sostible e competitivo.
Próximos pasos
As institucións deberán concluír os detalles técnicos da reforma proposta. Despois, o Parlamento e o Consello terán que aprobala formalmente. Polo momento, seguirá aplicándose o acordo transitorio acordado no 2020.
Os Estados membros teñen ata o 31 de decembro de 2021 para presentar os seus proxectos de plan estratéxico nacional ante a Comisión.
Prácticas "máis ecolóxicas"
A nova PAC establece unha serie de medidas para animar ao sector a adoptar prácticas agrícolas "máis ecolóxicas". Establécense unha serie de condicións para recibir o apoio da PAC, incluída a conservación de chans ricos en carbono mediante a protección de humidais e turbeiras, e cotas mínimas de terra cultivable para protexer a biodiversidade.
A reforma fixa tamén ecoesquemas para apoiar e incentivar prácticas agrícolas que benefician o clima e o medio ambiente.
O obxectivo é aliñar a política agrícola co Pacto Verde europeo e coas estratexias 'Da Granxa á Mesa' e de Biodiversidade, que pretenden impulsar unha produción e un consumo máis sostibles.