CRTVG

Buscar

Os pais de Nadia negan que lle fixesen fotos de contido sexual á cativa

Publicado o 11/01/2017 21:15

Sospeitosos de estafa na recadación de fondos para tratar a enfermidade rara que padece a filla, o xuíz investiga agora se a usaron tamén para pornografía infantil

Os pais de Nadia negan rotundamente que lle fixesen fotos de contido sexual á nena. O seu avogado di que están escandalizados e molestos con estas acusacións. A Audiencia Provincial de Lleida decidiu manter a prisión provisional para o pai da cativa ante o risco de que fuxa. Fernando Blanco está no cárcere acusado de estafa.

Os pais de Nadia están escandalizados coas acusacións polas que agora están a ser investigados, xa que negan que lle fixesen fotos de contido sexual á nena. Segundo o seu avogado as fotografías encontradas nos arquivos informáticos do pai de Nadia, tomáronse para facer o seguimento dermatolóxico da enfermidade que padece a cativa.

A nai de Nadia leva todo o día encerrada nesta casa familiar de Mallorca. Unha amiga súa afirmou que Marga Garau está desfeita por estas acusacións.

"A nai choraba. É que non é verdade, que fotos ten calquera dos seus fillos, señores!", di unha amiga da familia.

Porén, o xuíz da Seo de Urgell que leva o caso desvelou nun auto que nos arquivos incautados hai imaxes da parella mantendo sexo explícito diante dunha menor, que presumiblemente podería ser a filla. O xuíz considera que as fotos constatan que hai indicios claros de que o pai cometeu delitos de provocación e explotación sexual da menor. Investiga se houbo difusión das imaxes e se a nai, en liberdade con cargos, tivo participación activa. Polo momento a Fiscalía non se propón pedir prisión para ela.

A Audiencia de Lleida decidiu manter a prisión provisional para o pai de Nadia, ante o risco de que fuxa. Fernando Blanco está no cárcere desde o mes de decembro pasado acusado de estafa pola presunta utilización da enfermidade rara que padece a filla para obter beneficios económicos a través de doazóns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2017