CRTVG

Buscar

Os pais de Gabriel piden que se inclúa na investigación a morte da filla de Quezada

Publicado o 28/02/2019 13:21

No primeiro aniversario da morte do neno Gabriel, a piques de concluír a instrución xudicial, os pais do pequeno piden se inclúa no sumario a investigación sobre a morte da primeira filla da suposta asasina, Ana Julia Quezada. A nena morrera en Burgos, despois de caer dun balcón, e o caso prescribiu por falta de probas, malia as sospeitas dos axentes da Garda Civil.

Patricia Ramírez e Angel Cruz levan flores ao espazo homenaxe A Balea, de Almería, convertido polos cidadáns nun memorial espontáneo do seu fillo Gabriel. Esta será nunha longa tempada a súa última aparición ante os medios. Agora que pasou un ano da morte do pequeno e que a instrución está a piques de pecharse, deixan unha mensaxe: non queren que os xuízos mediáticos paralelos contaminen a vista oral no caso do seu fillo.

Patricia Ramírez, nai de Gabriel: "Todo para conseguir unha sentenza xusta que nos leva a conseguir que esta muller nunca lle faga dano a ninguén máis".

Piden tamén que se deduza testemuño das investigacións pola morte da primeira filla da suposta asasina, que prescribiron, malia as sospeitas da Garda Civil, "para que dalgún xeito se incorpore ao noso caso ese historial que había en Burgos e que, malia que pasaron moitos anos, pensamos que si que ten algo que ver".

Patricia Ramírez demanda, ademais, deixar os debates sobre a prisión permanente revisable para cando remate o procedemento.

Noticias web

28/02/2019