CRTVG

Buscar

Os pais de Diana Quer esperan que saia toda a verdade e se faga xustiza

Publicado o 25/11/2019 10:59

Os pais de Diana Quer confían en que este luns se faga xustiza para coa súa filla e que a José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, se lle impoña a pena de prisión permanente revisable.

A nai, que decidiu este luns asistir á xornada de conclusións, no que é o seu segundo día neste xuízo, pois unicamente estivo cando ela declarou en calidade de testemuña, dixo que é "un día importante".

Posteriormente, ante os medios de comunicación, comentou Quer que lle resulta indiferente se o Chicle fai uso do seu dereito á última palabra, debido a que contou "tantas mentiras" que sería unha máis.

Si subliñou o empresario que este 25-N, Día contra a Violencia Machista, a maior manifestación será nesta vista oral polo crime da súa primoxénita, nunha sala en que Diana estará "moi presente".

Juan Carlos Quer lamenta que a última mirada da súa filla fose a un "salvaxe"

Juan Carlos Quer lamentou a desgraza de que o último que a súa filla vise fose un "salvaxe", como definiu o acusado, José Enrique Abuín Gey, e pronunciouse así este luns, día contra a violencia machista e xornada de conclusións na vista que se celebra en Compostela polo crime.

Na súa conta oficial de Twitter, escribiu: "Filla, escoito cada noite os teus berros de axuda naquel maleteiro, estreméceme o pánico que sufriches naquela sórdida nave. Lamento que a túa última mirada mentres loitabas pola túa vida fóra a este salvaxe inhumano. Cada día, cada noite, sinto máis a túa morte que a miña vida, Diana".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí